Horario:
Luns a venres: de 18:00 a 21:30 h.
Sábados: de 11:00 a 14:00 e 18:00 a 21:30 h.
Domingos e festivos: de 11:00 a 14:00 h.
O Concello de Vigo adquiriu o edificio do antigo Ministerio de Economía e Facenda, na rúa Policarpo Sanz 15, por un prezo simbólico, unha vez que o Goberno decidira pechar a sede do Banco de España na cidade, uso para o que fora construído na década dos trinta. O proxecto foi asinado por Romualdo de Madariaga en setembro do 1938, pero o deseño e a pretensión da súa edificación partía xa de antes do golpe de estado do 18 de xullo do 1936. A seña máis característica do edificio é o chafrán central, co que rompe a esquina das rúas Reconquista e Policarpo Sanz. A planta baixa alíñase coa rúa de Policarpo Sanz, dándolle unha pequena elevación sobre a rasante, que se resolve cunha curta escalinata, de xeito que o soto reciba iluminación exterior das fiestras que asoman pola rúa Reconquista.
Cun sobrio traballo en granito, o edificio está presidido no frontispicio por baixorrelevos que representan a iconografía do réxime franquista, única decoración nunha factura que, polo demais amosa unha excepcional austeridade. O edificio desenvolveu o uso de sede local do Banco de España dende 1939 ate mediados da década dos oitenta, en que a política do Ministerio de Economía e Facenda resolve eliminar todas as sucursais do banco emisor que non estean en capitais de provincia.
Unha vez convertida en patrimonio municipal, foi acometida unha obra de reforma co obxectivo de transformar os espacios propios dunha entidade bancaria (despachos, salas de administración, patio de operacións, vivendas dos altos funcionarios, cámara acoirazada...) en instalacións axeitadas para o novo uso artístico. No ano 1990 comeza a súa andaina como Casa das Artes. No curso dos seus máis dez anos de existencia ten rexistrado unha constante actividade en diferentes frontes. Nas súas salas foron exhibidas exposicións de producción propia, en colaboración con entidades e institucións culturais (Xunta de Galicia, Eixo Atlántico, Fundación Caixa Galicia, COAG, Caixanova, Fundación Barrié de la Maza, Fundación La Caixa, Editorial Galaxia...). No que concirne ao tipo de exposicións, o abano é moi amplo pois abrangue dende a arte galega contemporánea con exposicións antolóxicas dedicadas a Abreu Bastos, Castelao, Colmeiro, Darío Basso, Frau, Laxeiro, Matamoro, Pulido, entre outros; mostras das vangardas artísticas máis internacionais do século XX, como "Postpictórico Pop: Noland-Warhol"; exposicións fotográficas, como "As Fontes da Memoria", "Arquivo Pacheco", "Alfonso", "A terra vista desde o ceo", as Fotobienais, exposicións singulares como a de Obxectos Imposibles, ou de xoguetes históricos, ou a de meteoritos; de contido arqueolóxico etnográfico e histórico, como "A arte rupestre e os contemporáneos", a conmemorativa dos 50 anos da Editorial Galaxia, "Palabras para un país", ou a de "Indios e esquimós".
Planta baixa: Arquivo Fotográfico Pacheco
O Arquivo Fotográfico Pacheco representa a máis completa colección de recursos fotográficos sobre a cidade de Vigo de titularidade pública. Consta de placas de cristal, negativos, positivos e outros materiais en diverso formato ata un total de 100.000 imaxes que abranguen dende 1900 ate 1970. A autoría das fotografías corresponden a varias xeracións de fotógrafos da mesma familia: viúva de Prosperi, Jaime de Sousa Aballe Pacheco, Jaime de Sousa Pacheco e Alberto de Sousa Pacheco. A adquisición prodúcese por contrato de compra aos herdeiros dos fotógrafos, en maio do 1991. Hai acceso restrinxido á documentación e aos fondos bibliográficos e artísticos para investigadores. Na actualidade atópase en proceso de catalogación e dixitalización.
Planta segunda: Colección Torras
Nace no 1998, froito da doazón realizada polo artista vigués, Luis Torras (Vigo, 1912) á cidade. Tralo acordo asinado pola Concellería de Cultura e o pintor, a Casa das Artes convértese en sede permanente desa colección constituída por 50 cadros doados e 17 cedidos en réxime de depósito. Considerada unha das figuras máis salientables da plástica galega contemporánea, Luis Torras manifesta unha predilección polas paisaxes e os retratos, seguindo unha técnica meticulosa e un estilo que desemboca nun singular fauvismo, dende un post impresionismo de raíces cubistas. A Colección Torras, conxuntamente cos cadros expostos no Museo Quiñones de León, representa a mellor selección da obra desenvolvida por este artista vigués ao longo da súa traxectoria.
Planta terceira: Fundación e Colección Laxeiro
José Otero Abeledo, mais coñecido como Laxeiro (Lalín, 1908-Vigo, 1996) conta na Casa das Artes cunha exposición permanente, formada por un total de 62 obras propiedade do Concello de Vigo, cedidas en réxime de depósito á Fundación Laxeiro, entidade que vela pola difusión e a investigación da obra deste artista, máximo representante do movemento coñecido como "renovadores do vangardismo histórico galego". A colección percorre dende os primeiros tempos do artista cando novo ate as últimas produccións. Forman parte do padroado da Fundación Laxeiro o Concello de Vigo, ós herdeiros de Laxeiro, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Lalín.
Ademais da exposición permanente, a Fundación Laxeiro organiza mostras temporais, con fondos de coleccións privadas e públicas do mesmo autor, cede obras para exposicións antolóxicas, divulga obras en exposicións organizadas fóra de Vigo, como a celebrada na Habana no 2001, e programa todo tipo de actividades artísticas, no mundo da plástica, pero tamén da música ou da poesía. Cómpre salientar a función de apoio aos novos valores que desenvolve a devandita fundación, mediante a convocatoria de bolsas e a organización de exposicións.
Horarios:
Exposicións
Luns a venres: de 18:00 a 21:30 h.
Sábados: de 11:00 a 14:00 e 18:00 a 21:30 h.
Domingos e festivos: de 11:00 a 14:00 h.
Atención ó público:
Luns a venres: de 9:00 a 14:00 h.
Visitas en grupos
Luns a venres: de 9:00 a 14:00 h.
Condicións das visitas: O réxime especial de visitas para grupos está reservado exclusivamente para grupos que conten cun responsable. As visitas haberán de concertarse previamente nos teléfonos da Casa das Artes, 986 439525 / 986 438446.
Sala dos Peiraos
Anexo á Casa das Artes na Praza da Constitución:
A posta en servicio da Sala dos Peiraos como pequeno espacio de exposicións, proponse no remate da década dos setenta co obxecto de cubrir a falta de equipamentos desta índole no centro da cidade, no ámbito xeral e de titularidade municipal en particular. Nas súas dúas décadas e media de existencia, a Sala dos Peiraos acolleu unha interesante oferta de exposicións de contido fotográfico, social, etnográfico e de lanzamento de novos valores locais.
O edificio foi construído no século XVI-XVII, sufrindo reformas no XIX. Por decreto de 8 de febreiro do 1946, promovido por Luis Menéndez Pidal, o inmoble que alberga a sala e os seus lindantes foron declarados Monumento Histórico Artístico.